Carlos Callón, pediulle á cidadanía accións contra as medidas "reaccionarias" do Goberno, ás que lles agoirou o fracaso.
A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou un "outono quente na defensa do galego". O seu presidente, Carlos Callón, cualificou os vindeiros meses de "cruciais" para o futuro da lingua e chamou a sociedade a unha "mobilización constante" contra as medidas "reaccionarias e discriminatorias" do Goberno con respecto ao galego.
Callón non deu a "batalla" por perdida e prediciu que "o nome de Feijoo se una á longa nómina de sepultureiros frustrados da nosa lingua". Tamén comparou a situación do idioma coa do Estatuto, polo feito de que o presidente da Xunta propoña "un estatuto de terceira" mentres "nin tan sequera cumpre co que está en vigor".
A Mesa salientou que o Goberno non presentou ningunha medida a prol do galego, mais si na súa contra, como a "transformación das Galescolas en irónicas Galoscolas", a eliminación das axudas á tradución, ou o feito de que a Deputación de Pontevedra deixase de mercar libros en galego, "como se fosen tóxicos". Ademais, cualificou de "imposición unilateral" o futuro decreto da lingua no ensino e lembrou que o texto actual "está plenamente en vigor", polo que se deben impartir, cando menos, a metade das materias en galego durante este curso.
Carlos Callón dirixiuse a Alberto Núñez Feijoo para preguntarlle "se os galegos temos algún defecto de fábrica" para que non sexa válido en Galiza un decreto semellante ao aprobado polo PP en Baleares.
Mobilizacións
A plataforma Queremos Galego, formada por máis de 40 entidades, entre elas A Mesa, anunciará nos vindeiros días un calendario de mobilizacións para o outono na defensa da lingua. O evento central será unha manifestación seguindo o ronsel da do 17 de maio, cando "50 mil galegas e galegos colapsaron Compostela".