Carlos Callón considera que a sociedade lle "deu as costas a esta agresión contra o galego" e pídelle ao Goberno que se "afaste da galegofobia".
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, asegurou este domingo que a Xunta está a demorar en facer públicos os resultados da consulta sobre o galego no ensino "porque non son os que o PP querería".
Nun comunicado, Callón celebrou que "aínda que este pseudoinquérito estaba elaborado de forma tendenciosa, a sociedade, independentemente das súas preferencias partidarias, deulle as costas a esta agresión do PP contra o galego". Por iso, exixiulle a Alberto Núñez Feijoo un "afastamento da galegofobia" e que cumpra o Estatuto e o Plan Xeral de Normalización Lingüística.
O presidenta da Mesa pediu "luz e taquígrafos" sobre a "pseudoconsulta", da que dixo que carece dun orzamento "analizado e verosímil", e interesouse polas funcións "da empresa valenciana contratada para o escrutinio". Cualificou a actuación do Goberno de "chafalleira e incívica" por "crispar moi ben e crear confrontación coa lingua" e tachou a Núñez Feijoo de "incompetente para gobernar con seriedade e responsabilidade".