Censura ás pretensións de privatización da sanidade e denuncia da "desproporcionada" actuación policial contra representantes cidadáns.
Un acto "puramente propagandístico". É a avaliación que fai a CIG-Saúde da convocatoria o pasado martes da Consellaría de Sanidade para presentar a chamada 'Estratexia Sergas 2014'. Consideran os representantes sindicais que se trata na práctica dun intento de maquillar a decisión do goberno de forzar un recorte orzamentario na área sanitaria, incluíndo privatización de servizos. Advirten ademais de que a estratexia do PP en Galiza segue o modelo aplicado na Comunidade de Madrid, onde "demostrou que empeora a calidade asistencial, encarece o gasto sanitario" e obriga a administración pública a acudir "ao rescate" incrementando aínda máis os custos finais.
María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, debulla os plans da Xunta comezando polo recorte do 7% no gasto e recordando que o sindicato xa presentara alegacións na mesa sectorial. Así por exemplo, no que lle toca ás infraestruturas sanitarias, multiplícanse por catro os custos, redúcese o número de camas e persoal e dificúltase a introdución das novas tecnoloxías, nun plan que introduce a xestión privada neste ámbito. Por outra parte a CIG considera que se afecta gravemente o eido da atención primaria, con "perda de autonomía no desenvolvemento dos seus proxectos". "Provocará que quede subordinada ás estratexias de xestión dos centros hospitalarios de referencia", denuncian. Na opinión da CIG, a atención primaria precisa dun impulso para mellorar a súa calidade, a dotación de persoal e recursos e acadar un correcto funcionamento da súa carteira de servizos. "A única inversión que fixo o PP en atención primaria foi cargarse o Plan Mellora", critican.