Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Cara á mobilización do 17 de maio

Un empurrón final para "pararmos o decretazo"

A Mesa pola Normalización Lingüística anima a cidadanía a citarse na capital do país este luns e valora o pau do Consello Consultivo ao 'decretazo'.

Redacción - 09:30 16/05/2010

"Se a Xunta introduce todas as mudanzas que lle indica o Consello Consultivo, acabará tendo un decreto como o que está actualmente en vigor, que está apoiado polos tribunais e pola comunidade educativa". Subliñouno este sábado o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, quen compareceu canda a comisión permanente do colectivo en conferencia de prensa para animar a cidadanía a participar na manifestación convocada para este luns en Santiago de Compostela. Á vez, a Mesa valorou o pronunciamento do Consultivo, definíndoo como "contundente e documentado informe" e convidando a Xunta a renunciar á súa "imposición unilateral". "O decretazo saínte nacerá morto, por contravir o ordenamento xurídico aprobado en democracia", avaliou Callón.

Para a Mesa, logo do que consideran unha "desautorización sen paliativos" por parte do Consello Consultivo, ao Goberno "só lle queda unha saída: manter o decreto de 2007, que está referendado polos tribunais e apoiado pola comunidade educativa". "Quen lea o relatorio do Consultivo, verá que non se critica só a pseudoconsulta a nais e pais, senón que se desautorizan xuridicamente todos e cada un dos piares do decretazo", comentou Callón.

A Mesa pola Normalización Lingüística anima así a todas as persoas "con sensibilidade polo galego" a que non queden na casa este Día das Letras. "É necesario un empurrón final para pararmos este decretazo tan lesivo contra a convivencia e contra a nosa cultura", expoñen, prognosticando unha mobilización "multitudinaria".


4,8/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: