Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
"Guerrilleiro heroico"

A foto do Che tirada por Korda cumpre medio século

Alberto Díaz, que recuperou o recoñecemento da autoría un ano antes de morrer, amosouse en contra do uso comercial da imaxe, convertida en icona pop.

Redacción - 10:58 05/03/2010
A fotografía orixinal de Korda

A fotografía orixinal de Korda

Este venres fai exactamente medio século de que Alberto Díaz Gutiérrez, Korda, fotógrafo do xornal Revolución, tirou a fotografía máis recoñecida de Ernesto "Che" Guevara. O 5 de marzo de 1960 o fotoxornalista estaba a cubrir o enterro dos mortos da explosión do barco Le Coubre, nun atentado provocado polos Estados Unidos contra a nacente Revolución Cubana. Foi tamén o día do discurso "Patria o muerte" de Fidel Castro.

Xunto a Castro estaban o Che, Jean Paul Sartre e Simone de Beauvoir. Korda contou que no tiro de cámara non aparecía Guevara, porque "se mantivera nun segundo plano. Achegouse a mirar o río de xente. Téñoo no obxectivo, tiro un e logo outro negativo, e nese momento o Che retírase. Todo ocorreu en medio minuto".

Esa fotografía do Che non se publicaría até o 15 de abril de 1961, nunha nota de prensa que anunciaba unha conferencia de prensa de Ernesto Guevara como Ministro de Industrias, e segundo lembra Aporrea.

A fotografía, O guerrilleiro heroico, volveuse mundialmente famosa e converteuse en icona da Revolución, sen que durante moito tempo se coñecese quen fora o seu autor. Ese recoñecemento veulle no ano 2000, un ano antes da morte de Alberto Díaz Gutiérrez. Despois dun longo proceso xudicial en Londres contra dúas axencias publicitarias que usaran a imaxe para unha campaña comercial, Korda obtivo 50 mil dólares, que lle doou ao goberno cubano para mercar medicamentos para nenos, algo que o fotógrafo asegurou que "é o que faría Ernesto Che Guevara".

Díaz Gutierrez tamén manifestou que "como seguidor dos ideais polos que morreu o Che non estou en contra da reprodución masiva que a súa imaxe tivo porque iso significa estender a súa memoria e a causa de xustiza social por todo o mundo", mais "si estou sumamente en contra do uso da imaxe do Che para promocionar produtos que menoscaben a súa reputación".

Por ironías da vida, a imaxe do Che si foi empregada en numerosas ocasións de xeito comercial, ao se converter nunha das iconas pop por antonomasia, como reflectiu, por exemplo, a exposición Che, revolución e mercado, que se puido ver en 2008 na Fundación Luís Seoane da Coruña.


3,86/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: