A ausencia de axudas para este ano a proxectos de fomento da lingua nos centros escolares é "unha mostra de desprezo", quéixase o BNG.
"Isto constitúe un novo recorte do Goberno do PP ao ensino, e que neste caso afecta á promoción da lingua galega nun dos ámbitos de actuación prioritario segundo o Plan de Normalización Lingüística Vixente e o decreto en vigor 124/2007". A denuncia facíana este xoves Carme Adán e Bieito Lobeira, advertindo de que a Consellaría de Educación suprimiu as axudas a proxectos de fomento da lingua galega nos centros escolares.
Os deputados do BNG avalían que esta supresión "intencionada" no primeiro trimestre do curso "procura a desmobilización" das iniciativas a prol da lingua nos centros. Segundo os voceiros do Bloque, os equipos de normalización son "un motor esencial nos centros de ensino para a dinamización e normalización da nosa lingua". Na práctica, a ausencia de recursos significará a parálise na programación de actividades en favor do uso da lingua. Ademais, a incerteza sobre a convocatoria ou non cara ao futuro destas axudas, impedirá planificar e programar iniciativas a medio e longo prazo. Por este motivo, Adán e Lobeira reclamaron que Educación aclare se eliminará "de xeito definitivo" estas subvencións.