Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Na Casa Museo Emilia Pardo Bazán

As xornadas “Contra vento e marea” analizan a historia e o presente do feminismo

A Coruña acolle en setembro conferencias, arte, teatro e danza nun programa que prestará atención especial ao ámbito galego.

Redacción - 16:50 01/09/2009

Desde as pioneiras no século XIX ata o presente da loita feminista. A Casa Museo Emilia Pardo Bazán acolle do 3 ao 18 de setembro as xornadas “Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos”. Un achegamento ás cuestións de xénero a través de conferencias, debates, teatro, danza e intervencións artísticas.
A Casa Museo organiza estas xornadas en colaboración coa Concellaría de Igualdade da Coruña e a Deputación. Os xoves e venres de setembro trasladarán unha panorámica ampla da evolución e o presente do feminismo, cunha atención especial ao ámbito galego. A primeira en intervir será María Reimondez este xoves, cando tamén se porá en escena a súa obra “O club da calceta”, por Teatro do Morcego.

Pioneiras e anónimas
O programa de conferencias ten dúas vertentes. Unha delas está dedicada ao feminismo e os feminismos, e nela intervirá Beatriz Preciado. A filósofa e activista queer falará do réxime farmacopornográfico, que impón a tiranía da produción de corpos, xéneros e sexualidade a partir das hormonas e a pornografía. Rosa Cobo analizará as correntes feministas da segunda metade do século XX; Rubem Centeno achegaranse á revisión das masculinidades que supón o movemento gai. E Beatriz Suárez centrarase na teoría queer e a sexualidade en relación á literatura.

Outro bloque de conferencias xira arredor das pioneiras e anónimas na loita feminista. Aurora Marco rescatará figuras femininas de finais do século XIX até a Guerra Civil no ámbito galego; María Jesús Fariña falará de Pardo Bazán desde unha óptica feminista, e o mesmo fará Carmen Blanco con Rosalía de Castro. Varias entidades falarán tamén da situación das traballadoras do fogar na actualidade e da súa organización.

Arte, danza e teatro
O programa complétase con actividades escénticas e intervencións artísticas no espazo público. Mónica Cabo subverterá os roles e xénero tradicionais desde o activismo queer na obra “Xogo de damas. Construción de espazos de recreación”. Carme Nogueira propón unha reflexión crítica sobre as discusións de xénero e o papel do espectador en “Sen Consigna. Contenedor de feminismos”.

Entre as representacións escénicas destaca o “Maribingo” de Maribolheras Precárias, unha recuperación dos bingos nos que as mulleres de xeracións anteriores se reunían e falaban fóra do ámbito doméstico. Chévere porá en escena o espectáculo “Os Dildos”, con dúas partes: unha charla sobre a construción e desconstrución dos xéneros e un concerto punk-folk con letras inspiradas no Manifesto Scum de Valerie Solanas.


Ligazóns

3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: