Esther Taboada expón a súa visión dos esquecidos pola cidade.
A fotógrafa galega mestura fotografías con textos poéticos mergullándose na Barcelona "máis incómoda". Este proxecto xurde da inquedanza da autora por captar as imaxes de persoas e lugares excluídos e alleos á Barcelona do deseño, os esquecidos, para convertelos en protagonistas da súa exposición. Segundo Taboada "son os invisibles, espuma de batalla traballada con polución. Existen, pero cando a urbe mostra o seu último estertor, unicamente se percibe o silencio”.
A coruñesa Esther Taboada estudou Xornalismo en Santiago de Compostela e completa a súa formación en Finlandia e en Catalunya. Viviu dous anos en Irlanda, onde seguiu o conflito de Irlanda do Norte, e actualmente reside en Barcelona traballando de corresponde para La Voz de Galicia e de freelance para outros medios. Parte do seu traballo fotográfico pode verse no seu blog "El Páramo Naranja".
A mostra "Invisibles, a outra cara de Barcelona", que xa se expuxo en Compostela e en Palma de Mallorca, estará na Galería Sargadelos até o 30 de maio.
Mércores, 29 de abril de 2009, 20 h.
Inauguración da exposición fotográfica "Invisibles, a outra cara de Barcelona", de Esther Taboada.
Até o 30 de maio.
Galería Sargadelos Barcelona
Provença, 276
Tel.: 93 215 03 68
Horario: de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 20.30 h.