Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENQUISA TIC

O estudantado da USC vese cada vez máis experto nas novas tecnoloxías

O 80 por cento do alumnado da universidade compostelá matricúlase por internet, e a rede sen fíos académica ten unha media de 300 usuarios simultáneos.

Redacción - 18:30 08/03/2009
Facultade de Filoloxía da USC / Wikipedia: Sobreira

Facultade de Filoloxía da USC / Wikipedia: Sobreira

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este xoves os resultados da quinta enquisa sobre o uso das TIC que fai o seu estudantado. Segundo estes datos, oito de cada 10 persoas matriculáronse por internet, 24 mil están subscritas ao servizo de información por SMS e arredor de 300 individuos usan simultaneamente, de media, a rede sen fíos da universidade.

Segundo o reitor da USC, Senén Barro, a enquisa amosa que a institución académica está a traballar a prol do desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. O traballo é, de feito, un instrumento para avaliar o cumprimento das liñas estratéxicas fixadas pola universidade en materia de TIC, ao tempo que serve de seguimento e control das accións orientadas ao alumnado. Para iso, realizáronse máis de 1.700 enquisas.

Rede sen fíos
A rede wi-fi da USC leva cinco anos de funcionamento e segue a ser a primeira rede sen fíos do país por número de usuarios, preto de 6.500, e unha das primeiras do Estado Español. Chega a ter picos de 700 persoas conectadas ao mesmo tempo. O pasado ano actualizouse para garantir a súa seguridade e o nivel de calidade.

O estudantado ten unha valoración positiva dos servizos TIC da USC, con oito de cada 10 que os valoran como bos ou normais. Tamén medrou o nivel de coñecementos tecnolóxicos do alumnado, con cada vez máis persoas que aseguran ter un nivel medio ou avanzado.

A universidade compostelá destacou, ademais, que a súa web é a segunda do Estado Español con máis páxinas indexadas por Google, preto de tres millóns, e acada un nivel oito na súa clasificación PageRank. Tamén é a única do país sen erros de accesibilidade na súa portada.

Código aberto

A USC tamén salientou a posta en marcha a finais de 2008 da súa oficina de software libre, que ten como obxectivo dotar a comunidade universitaria de ferramentas e contidos libres, ademais dun nivel de neutralidade tecnolóxica.

O acto de presentación do informe serviu tamén para entregarlles dous computadores portátiles e cinco teléfonos móbiles de última xeración ás persoas que gañaron o sorteo efectuado entre as que contestaron a enquisa.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: