Os tres principais partidos confían en recortar a fenda dixital que nos sitúa nas últimas posicións do noso contorno xeográfico.
Nos últimos catro anos moito cambiou no eido da sociedade da información, tanto en Galiza como en todo o mundo. Quizais o máis importante foi que, por fin, o Goberno aprobou o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), que ten como principal obxectivo reducir a fenda dixital, un dos males endémicos do país.
O plan partiu dunha análise, dividida en oito sectores, do estado das novas tecnoloxías en Galiza, e que se presentou en novembro de 2007. O programa define as estratexias operativas que deberá seguir a Xunta até 2010 para converter as tecnoloxías da información e da comunicación en motor económico do país.
Un dos instrumentos instituídos polo PEGSI é o Observatorio da Sociedade da Información, que analiza o uso das novas tecnoloxías e elabora informes anuais sobre o desenvolvemento da sociedade da información en Galiza.
Se no ano 2005 o 78 por cento dos fogares galegos carecía de conexión á internet, dous anos despois (último informe oficial dispoñíbel) a porcentaxe reducírase ao 66%. Do mesmo xeito, pasouse do 38% de vivendas con computador en 2004 ao 56,3 de 2007, máis preto da media estatal, situada no 60,7 por cento. Tamén foi medrando a penetración da banda larga, do 8,7 por cento de 2004 ao 23,1 de 2007. O ADSL e o cable, representado neste último caso polo operador R, foron medrando a súa implantación fronte ás conexións mediante módem, que pasaron de ser as máis habituais en 2005, co 43,6% das conexións, a minoritarias en 2007 (15,3% fronte a 41,9 de ADSL e 32 de cable).
A fenda dixital no interior de Galiza segue a existir entre o rural e o urbano e entre a metade occidental e a metade oriental. A banda larga non chegou aínda á totalidade da cidadanía, aínda que se levaron a cabo diversas iniciativas para estender estes servizos, como varios programas de instalación de redes sen fíos Wimax, tanto en concellos rurais como en polígonos industriais que non dispoñían de conexións á internet de calidade. O último acordo foi un convenio co Estado Español, de 100 millóns de euros, para estender a banda larga e a televisión dixital terrestre ao país.
As empresas tamén se foron sumando, durante a lexislatura, á sociedade da información. Ao remate de 2007 dispoñían de acceso á rede o 74,3 por cento das pemes e o 93,2 por cento das de máis de 10 persoas empregadas. A dispoñibilidade de páxina web apenas medrou: do 28% de 2005 ao 29,4 de 2007. O uso do comercio electrónico tamén medrou, até o 25,5%, que aumenta ao 32,1% no caso das empresas de máis de 10 traballadores. Porén, a súa utilización foi principalmente para compras: só o 9,6% venden a través da rede.
Para potenciar o uso do comercio electrónico, un xeito de aumentar mercado e horarios, o Goberno tamén puxo en marcha iniciativas como Mercadogalego.eu, un portal que lles facilita ás pequenas e medianas empresas contar cun escaparate de balde.
Porén, Galiza segue a estar á cola do Estado Español nos indicadores de sociedade da información. E algúns indicadores amosaron un empeoramento, como é o caso do Informe e2008 da Fundación Orange, que amosa que o noso país baixou no Índice de Converxencia da Sociedade da Información, pasando do 78 do ano 2007 ao 72 de 2008. Só ten por detrás a Canarias (71) e a Extremadura (69). Dende 2007 pasáronlle por diante Castela e León, a Comunidade Valenciana, Cantabria e Murcia. Os datos son moito mellores no referente a empresas (índice 86, no oitavo posto do Estado Español) que con respecto aos fogares (índice 73, penúltimo posto).
Por iso, aínda queda moito camiño por andar para acurtar distancias co Estado Español e con Europa. Os próximos desafíos están reflectidos nos obxectivos da estratexia i2010 da Unión Europea, que aspira a acadar nese ano un acceso total á administración por vía electrónica e acadar o 100% de cobertura de accesos á internet de alta velocidade. Outro obxectivo a curto prazo relacionado coas novas tecnoloxías é o despregamento da televisión dixital en todo o territorio do país, caracterizado pola dispersión da poboación e os accidentes xeográficos, antes do apagón analóxico, a máis tardar en abril de 2010.