Photoshop e mestría fotográfica a partes iguais nuns galardóns de nivel internacional con nula presenza do país.
A web Cool Photoblogs acaba de facer pública a listaxe dos Photoblog Awards 2008. O directorio seleccionou as que considera mellores bitácoras fotográficas da rede no último ano. Aínda que os premios están divididos en nove categorías, o fotoblog que levou o premio absoluto foi Un paseo polo concello de Durham, Pensilvania, de Kathleen Connaly, especializado en fotografías das fermosas paisaxes da contorna.
O traballo premiado xa obtivera no ano 2007 dous recoñecementos ao mellor fotoblog americano, tanto nos Photoblogs Awards como nos Photobloggies, que aínda non publicaron as gañadoras de 2008. Na web dos premios pódense consultar as bitácoras finalistas nas categorías de fotoblog do ano, do máis popular, o mellor de América, de Europa, de Asia e Oceanía, mellor novo blog fotográfico, mellor fotografía paisaxística, mellor en branco e negro e mellor deseño.
A distinción ao fotoblog máis popular levouna o europeo Chromasia, mentres que traballos de autores da área ibérica quedaron finalistas en varias categorías, como Oskarfoto ou o do mallorquín Enrique Vidal, en 'novos fotoblogs', ou o da catalá Marta Barceló entre os mellores de Europa.
Aínda que en moitos dos representantes se pode apreciar un uso extensivo e excesivo do Photoshop, pódense atopar algunhas pequenas obras mestras da fotografía dixital contemporánea.