Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
"Independentemente de que vivan no rural"

O goberno español asegura que o 99% da poboación do Estado terá acceso á banda larga antes de 2009

O Ministerio de Industria basea estes datos na posibilidade de ofrecer internet por satélite, mais é unha tecnoloxía que polo de agora presenta carencias.

Redacción - 18:10 23/09/2008
Internet debería chegar agora ao rural galego / Flickr: eeeTom

Internet debería chegar agora ao rural galego / Flickr: eeeTom

O director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información, David Cierco, vaticinou un importante desenvolvemento no eido das comunicacións a nivel estatal en breve espazo de tempo. Neste senso, durante a súa intervención nun curso de verán organizado pola Universidade Internacional de Andalucía, anunciou que a finais de 2008, o 99% da poboación do Estado terá acceso á rede de banda larga, "independentemente de que pertenzan a zonas rurais ou urbanas".

Estas declaracións fan referencia aos resultados que se procuran co programa de extensión da banda larga, que estabelece a colaboración entre o Ministerio español de Industria e Telefónica. Internet de banda larga estase levando ás zonas rurais a través de tres sistemas tecnolóxicos, como son ADSL, LMDS-Wimax e satélite.

Se ben é certo que naquelas zonas ás que se conseguiu levar o ADSL as velocidades ofrecidas son aceptábeis, tamén hai que dicir que nos outros casos a compañía encargada non está sendo capaz de ofrecer velocidades que se aproximen, nin de lonxe, á que temos acceso actualmente nas zonas urbanas.

Este feito cuestiona as declaracións de Cierco, xa que é precisamente a tecnoloxía satélite a que lle permite falar dunha difusión próxima ao 100%.

"Sociedade de persoas e de procesos"
Por outra banda, o alto funcionario non agochou a importancia estratéxica que ten o sector das telecomunicacións na actualidade, na transición da sociedade da información cara á sociedade do coñecemento, que cualificou como "unha sociedade de persoas, mais tamén de procesos, onde a xente non só accede á información, senón que a comparte e xera así coñecemento".


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: