Finalmente os opositores rebeldes cederon, malia que a detención do de Pando, este martes á noite, fixo temer por un novo agravamento.
O gobernador de Tarija asina o acordo, co de Santa Cruz ao seu carón
O presidente boliviano, Evo Morales, e os seus opositores autonomistas rebeldes iniciarán finalmente un proceso de "diálogo nacional" para tratar de superar a crise política de Bolivia, agravada nas últimas semanas pola violencia en varias rexións do país.
Malia que a detención do prefecto de Pando, Leopoldo Fernández, fixo temer por un novo agravamento da tensión en Bolivia, o gobernador de Santa Cruz, Rubén Costas -un dos máis duros opositores a Morales- asinou xunto ao seu colega de Tarija, Mario Cossío, o preacordo que senta as bases para abrir a negociación.
No entanto, queda por saber se os prefectos de Beni, Ernesto Suárez, e Chuquisaca, Savina Cuéllar, se adhiren tamén a esta decisión. De ser así, o diálogo comezará en Cochabamba esta quinta feira, abordará todos os temas que enfrontaron a goberno e oposición e terá como "facilitadores" á Igrexa católica, países europeos e varios organismos internacionais americanos.