Hai unha semana, para celebrar o seu 75 aniversario, a revista Esquire deu un paso máis no uso das novas tecnoloxías na prensa e fixo chegar aos quioscos un exemplar no que a portada estaba composta mediante "tinta electrónica".
Esquire tenta abrir novos camiños
Trátase dunha edición limitada de 100.000 exemplares co titular "O século XXI comeza agora" na primeira páxina, unha primeira páxina que inclúe unha pantalla electrónica flexible que cambia de aspecto con fragmentos de imaxes que se iluminan e apagan.
Esquire anunciou o proxecto como "a primeira portada do mundo con tinta electrónica", pero semella que a idea non lle gustou a todos, e son máis os lectores decepcionados que os satisfeitos coa nova proposta.
E é que o anuncio desatou a imaxinación de moitos, que xa comezaron a pensar nas revistas con titulares cambiantes. No entanto o sistema da pantalla flexible, máis aló de mudar de aspecto, deixou aos lectores coa sensación de que o experimento se quedaba corto con respecto ás expectativas.
A pantalla en cuestión está composta de microcápsulas de tinta que son controladas dixitalmente por un pequeno sistema que require o uso de pilas.
Por internet xa circulan vídeos de xente que desmonta as pantallas de Esquire, amosan as seis pilas de botón que precisan para funcionar e expresan a decepción dun público demasiado acostumado a avances tecnolóxicos moito máis deslumbrantes.
Algunhas propostas xa falan de incluír dispositivos capaces de conectarse a redes inalámbricas, o que permitiría que a portada da revista se puidese actualizar, fomentando así, verdadeiramente, a integración dos medios tradicionais e as novas plataformas informativas.
FWWWRANDO