Segundo o estudo, as administracións autonómica e local son os principais demandantes de produtos informáticos no noso idioma.
Firefox 3 en galego
O informe 'Observación no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación, 2007', que presentou o Observatorio da Lingua Galega (OLG), amosa que só o 18,3% da poboación usa algún programa informático en galego. O OGSI faise eco deste estudo.
Os datos do documento determinan que o uso de software en galego aumenta co nivel de estudos da persoa enquisada: pasa do 11,2% da cidadanía con estudos primarios ao 22,2% dos universitarios. Tamén inflúe a lingua habitual do usuario: o 26,5% de galegofalantes fronte ao 11,3% das persoas que falan castelán.
O informe analiza tamén as visitas a páxinas en galego. Segundo os resultados da enquisa, apenas o 11,3% do tempo se navega por páxinas na nosa lingua e o 16,7% dos usuarios teñen a páxina de inicio en galego. Os chats e o correo electrónico contan con menos do 20% de uso na nosa lingua, aínda que a porcentaxe aumenta entre os máis novos e os galegofalantes. Así, a media das mensaxes en galego sitúase no 17,4%, pero acada o 48,5% entre a poboación que emprega a lingua propia e o 22,1% no estudantado.
En calquera caso, o informe do OLG conclúe que os usos lingüísticos do galego nas TIC son moi inferiores aos habituais na cidadanía, cun dominio do castelán nas novas tecnoloxías. A castelá é a lingua predominante no uso da TIC nas empresas, con maiores usos do galego canto meirande é o tamaño da compañía e se teñen como clientes principais as administracións públicas.
No referente ao software en galego, no ano 2007 o 38% das empresas vendeu algún tipo de programa na nosa lingua. O software no idioma propio supuxo o 12,5% da facturación. Porén, máis da metade das empresas afirmou que desenvolver produtos informáticos en galego non custa máis que facelo en castelán.
A situación parece que comeza a cambiar: a demanda de software en galego chegou ao 46% durante 2007, e máis da metade das empresas vendeu produtos na nosa lingua. O 46% considera que a tendencia será que o software en galego medre, fronte a un 44% que opina que seguirá igual.
As administración autonómica e local son os principais demandantes de aplicacións en galego, fronte ás administracións estatais, onde a nosa lingua é minoritaria.