Os socialistas aseguran que a firma Azvi, propiedade do ex ministro de Aznar, participaba con San José na UTE á que se lle revogou a concesión.
As melloras na vía do Barbanza buscan deter a alta sinistralidade
A polémica Autovía do Barbanza non deixa de dar sorpresas. Logo de que o PPdeG acusara nos últimos meses a Política Territorial de trato de favor na concesión das obras, o voceiro dos socialistas no Parlamento, Ismael Rego, asegura que había razóns ben escuras nesta liorta. Segundo Rego, a postura dos populares débese a que pretendían beneficiar a unha Unión Temporal de Empresas (UTE) participada nun 25% pola empresa Azvi. Os socialistas denuncian que esta última empresa é propiedade de Pío Cabanillas, ex ministro do executivo de Aznar. Rego chegou incluso a acusar a Núñez Feijoo, daquela conselleiro de Política Territorial, de deixar todo preparado para que fora a Xunta actual a que lle adxudicara a infraestrutura ao grupo de empresas conformado por San José e Azvi.
Logo de deixar caer esta grave acusación, socialistas e nacionalistas rexeitaron a creación dunha comisión. A parlamentaria do BNG Carme da Silva subliñou que, con esta petición, os populares só pretendían “torpedear o Goberno”. A deputada aproveitou para denunciar que había dirixentes do PPdeG que tiñan vínculos coa consultura que elaborou o primeiro informe: Eptisa. Segundo os nacionalistas, detrás desta empresa estaría o ex conselleiro de Agricultura Tomás Pérez Vidal e un irmán do anterior delegado do goberno español en Galiza, Arsenio Fernández de Mesa.